Thursday 02 de May de 2024

A Xunta reforza o control sobre o furtivismo, con 365 operativos policiais e máis de 2.700 denuncias durante 2015


No balance da loita contra o furtivismo durante o ano pasado destaca tamén o número de embarcacións inspeccionadas polo Equipo de Resposta Policial, 1.631, que supón un incremento de case o 73% respecto a 2014

A Policía Autonómica levou a cabo, a través do Equipo de Resposta Policial (ERPOL), un total de 365 operativos policiais en 2015, que supón un incremento do 42,5 por cento respecto ao ano 2014. Ademais, o traballo desta unidade especial da Policía Autonómica supuxo un total de 2.756 persoas denunciadas, un 2,4 por cento máis respecto aos datos do ano anterior.

Durante 2015 executáronse 77 controis nas estradas, fronte aos 64 de 2014, e rexistráronse 1620 vehículos, unha cifra lixeiramente superior á do ano anterior (1607). No balance da loita contra o furtivismo durante o ano pasado destaca tamén o número de embarcacións inspeccionadas, 1.631, que supón un incremento de case o 73% respecto a 2014.

O Equipo de Resposta Policial da Policía Autonómica detivo ou investigou un total de 100 persoas durante o ano pasado, fronte ás 91 de 2014.

A maior parte do decomisado (un 90 por cento) correspóndese con ameixa, nas súas distintas especies, e a infracción máis común é a non posesión dos correspondentes permisos para mariscar.

Por localización xeográfica, destaca que o 70% das denuncias (1920) tiveron lugar no concello de Boiro, onde se levaron a cabo 448 inspeccións.

Estas actuacións enmárcanse dentro da activa colaboración que a Policía Autonómica vén desenvolvendo con distintos departamentos da antiga Consellería do Medio Rural e do Mar, na loita contra os incendios, a entrada de leite procedente de Portugal ou o furtivismo e marisqueo ilegal.

Co fin de controlar non só a actividade extractiva -senón tamén e moi especialmente a saída do produto, a súa venda e transporte- os axentes autonómicos establecen dispositivos con persoal propio que se completan con outros dispositivos conxuntos con Gardacostas. Deste xeito o persoal da Policía Autonómica traballa tanto a pé de praia, como nos portos ou estradas, establecendo dispositivos de intervención directa, con controis e inspeccións de embarcacións e vehículos, así como identificacións e denuncias de infractores, mesmo coa súa imputación e detención.